miércoles, 19 de noviembre de 2014

25 N: O MAIOR CÓMPLICE DA VIOLENCIA MACHISTA É O SILENCIO




Hai só uns días, atopabámonos ante unha nova polémica entorno a unha campaña de publicidade machista. A os hostaleiros dunha zona de copas de Nerja non se lles ocorreu outra cousa que tratar de combater a baixa afluencia destas épocas previas ó Nadal cunha campaña encabezada co seguinte reclamo: ‘La Noche de las Chicas: tres copas gratis por ser mujer’. Para bastante xente este pode ser un exemplo morno de machismo, ou incluso pode que non atopen síntomas de machismo neste slogan. Ocorre que algunhas condutas e fórmulas machistas están tan estandarizadas na nosa sociedade que soen pasar desapercibidas ata que alguén non chama a atención sobre elas. Nestes casos para parte da poboación ás reaccións dos colectivos e organizacións feministas soen parecer desproporcionadas. Precisamente porque aínda existe unha normalización do machismo en moitos dos seus aspectos que fai que as veces non se detecte a pesar de que o teñamos diante. Se o machismo é a herdanza dunha sociedade patriarcal sustentada nun modelo de relacións inxustas que histórica e culturalmente se impuxeron entre homes e mulleres, calquera conduta ou campaña que contribúa a fomentar estes roles tradicionalmente impostos é reprensible, como parte e actor da cultura do patriarcado. Se imos máis aló, ata a consecuencia máis extrema do machismo que non e outra que a violencia machista, a maioría estaríamos de acordo: contra a violencia machista tolerancia cero. Entón ¿por qué si existe tolerancia con usos e modos que tratan ás mulleres de mercadoría, de cebo, que a “cosifican”, que lle restan a súa identidade de suxeito e a tornan en obxecto? Un obxecto non se pertence a si mesmo, carece de autonomía e liberdade.Cando se condena a unha parte da poboación á posición de obxecto, a outra parte da poboación establécese como suxeito, cos dereitos que de isto se deduce con respecto á parte primeira. A violencia machista non é un acto individual desligado da sociedade, senón unha consecuencia da nosa historia e a nosa cultura. Se a violencia machista fora unha árbore sería unha de raíces ben retortas e profundas, entón ¿cómo imos saber cal desas raíces é a que lle insufla zume á man que toma o coitelo, ou executa o golpe? Por esta razón non existen machismos mornos, nin as protestas das feministas ante campañas como estas son desproporcionadas. Porque o maior cómplice da violencia machista é o silencio. Porque o berro que se eleva cando unha muller morre asasinada é un berro que para a vítima e a súa familia chega demasiado tarde. Porque para que a loita contra a violencia machista sexa efectiva hai que atacar á raíz.  E sobre todo hai que poñerlle voz. Porque, repetimos: O maior cómplice da violencia machista é o silencio. Temos que falar polas que calan. Temos que falar para que as que non denuncian sepan que non están soas, para darlles a forza para denunciar. Para que as que temen a liberdade deixen de temela. Para que as que dubidan por mor de romper a súa familia saiban que a súa dúbida converte ás súas fillas e fillos en vítimas, como elas mesmas. Para que nun futuro as cativas de hoxe non se sintan en inferioridade con respecto ós homes, e os homes non sintan que a sociedade lles esixe e lles destina un chanzo superior. E poidamos mirarmos de iguais a iguais dentro das nosas diferenzas. E sobre todo, cada vez sexan menos os berros que cheguen demasiado tarde.


Sexas nai, pai, fillo, filla, irmán, irmá, amigo, amiga, non o esquezas: o maior cómplice da violencia machista é o silencio.
O próximo 25 de Novembro é o día internacional contra a violencia de xénero. Dende o Grupo de feminismos de Podemos Arousa, coa participación da asociación feminista o Soño de Lilith, querémosvos invitar a dous actos que terán lugar ó largo da vindeira semana. O primeiro celebrarase na Praza de Galicia, ás 20:30 do martes 25 de Novembro, e sempre que a climatoloxía non o impida. O segundo consistirá nunha proxección de dúas curtametraxes e un posterior debate que se levarán a cabo na sala de conferencias do Auditorio de Vilagarcía de Arousa, o xoves 27 de Novembro ás 20:30. Gustaríanos moito contar coa vosa presenza, porque coidamos que é preciso que mulleres e homes nos unamos para dar voz a todas esas mulleres e familias silenciadas.                                       

Deixámosvos a páxina das compañeiras de O Soño de Lilith para aquelas persoas que queirades máis información http://osonhodelilith.wix.com/osonhodelilith


martes, 16 de septiembre de 2014

20 DE SETEMBRO: ASEMBLEA NA RÚA DE PODEMOS AROUSA



Dende que creamos o grupo de Feminismos de Podemos Arousa vímonos preguntando o porqué da escasa presenza de mulleres nas asembleas. Semana tras semana vemos como o fluxo de homes non cesa, sen embargo, no caso das mulleres, case sempre somos as mesmas e apenas existe rotación. Polas informacións que temos, este feito repítese na maioría dos círculos, incluíndo tamén a formacións políticas de longo percorrido.  Significa isto que as mulleres continuamos tendo reservas á hora de tomar parte en política? É máis, a participación das mulleres na vida política poida que sexa maiormente unha cuestión de cotas? Con isto non queremos dicir que as cotas estean mal ou non sexan precisas. Pero as cotas, se de base non se sustentan nunha masa de mulleres cas referenda, terminan por converterse nunha serie de rostros que non reflicten a realidade social, ainda máis, poden acabar por amosar unha falsa aparencia de igualdade.  
Sempre nos estamos a preguntar por qué, se o número de mulleres con estudios superiores é maior co de homes, á hora da súa incorporación á vida laboral, e sobre todo do acceso ós postos directivos, a balanza oscila cara o lado contrario. Pode que estes números sexan moito máis representativos cas cotas da suposta igualdade acadada. Que neles si se reflictan as dificultades da conciliación ca vida familiar e a maternidade, a diferenza de ingresos entre mulleres e homes, a herdanza e as trabas cás que as mulleres se atopan a medida que van subindo no organigrama empresarial, e que teñen a súa orixe en séculos de réxime patriarcal...Citamos aquí algúns dos aspectos pero hai moitos máis. Tendo en conta isto, parece claro que o sistema de cotas non está a acadar o resultado agardado(porque este sistema ten como fin último a incorporación e normalización da muller na vida pública) . Por formular un paralelismo, dende as asociacións feministas sempre estamos a dar a lideira(segundo os comentarios en xeral) cá linguaxe inclusiva. Para moita xente este é un tema secundario e puramente formal. Pero se estamos de acordo en que a linguaxe é permeable e, como tal, reflicte a sociedade na que vivimos, por qué descartamos o feito de que ese proceso se produce tamén á inversa e, en certo modo, a nosa sociedade tranfórmase mediante o idioma. Poida que se deixamos de empregar as formas masculinas cando falamos de ambos sexos, se nos acostumamos a dicir persoas en vez de homes (por exemplo), as próximas xeracións deixen de considerar un sexo como preeminente e norma, e o outro sexo como subalterno ou contrario. Ou poida que non, pero o que está claro é que se a linguaxe persiste nesa preponderancia dun xénero sobre outro, xa está poñendo unha traba para que esa transformación se leve a cabo. Se queremos que a política de cotas sexa efectiva ten que ser á súa vez transformadora da sociedade. Ten que haber unha correlación entre as cotas e o pobo. Porque do contrario quédanse simplemente nunha foto de cara á galería, ou nunha medalla na solapa dun partido político.


Agora querémovos trasladar unhas cuestións e que vos paredes un intre a reflexionar sobre elas:

MULLER, qué pensas do FEMINISMO? Tes algún prexuízo cando escoitas esta palabra? O consideras un movemento anti-home, ou, incluso, un movemento anti-muller? 


Cando exerces o teu dereito ó voto, cando abres unha conta nunha entidade bancaria, cando con moito esforzo e orgullo pagas a matrícula da universidade da túa filla, cando asinas o contrato de compra da túa casa, e tantos e tantos xestos que hoxe resultan cotiáns e normais, pensas algunha vez que para que ti chegaras a isto primeiro tivo que xurdir o feminismo?



Despois de tantos anos de tutela das mulleres polos homes, queres que sexa o teu estado o que te tutele? Queres que sexa o estado o que te constrúa, que sexan outros os que constrúan o estado, ou queres participar na construción do estado? Pensa, ¿é este o estado que queres?


Dende o grupo de feminismos de Podemos Arousa convocámosvos o próximo sábado día 20 ás 11 da mañá, data na que terá lugar a nosa primeira asemblea na rúa, no Parque Miguel Hernández de Vilagarcía de Arousa. Gustaríanos vervos alí. Gustaríanos escoitar o que tedes que dicir. Temos unha confianza inmensa en todo o que, como mulleres, podemos acadar. Precisamente porque todavía queda MOITO POR PERCORRER. 

martes, 26 de agosto de 2014

O INCUESTIONABLE DOS FEITOS





Estase a falar moito estes días (a raíz dos acontecementos que tiveron lugar entorno á denuncia de violación da rapaza de Málaga) das denuncias falsas que, segundo os sectores máis machistas e consevadores da nosa sociedade, son cousa habitual no panorama xudicial español (tanto da que as cifras que barallan dende a fiscalía do estado sexan inferiores ó 0,05%). Non imos a entrar a debater cánto hai de verdade ou de mentira na denuncia da rapaza de Málaga, pois o acontecido está a estas alturas tan mediatizado, pervertido, e terxiversado, que calquer xuízo que se faga será malinterpretado. O que si, a nos como mulleres (e homes) feministas, cústanos entender que existan xustificacións ou motivacións nunha rapaza para interpoñer unha denuncia falsa nas circunstancias e feitos dos que se estivo a falar, e polo tanto a suposta falsidade desta denuncia entra en claro conflito co noso entendementoPero en fin, agora parece ser que coma a xuíza desestimou dita denuncia, tódalas (ou a gran maioría) denuncias interpostas polas mulleres, sexan por violación ou violencia machista, son falsas. E estamos a caer no absurdo de tomar a parte polo todo. Entón, facendo este mesmo xuízo, poderíamos argumentar que como si está demostrado que hai homes que violan, entón tódolos homes son posibles violadores e ningunha muller está a salvo entre eles (así como o alcalde de Valladolid non está seguro nun ascensor xunto a ningunha muller, debido ás ganas tolas que de espirnos que nos entran na súa presenza). Ou como hai homes que asasinan ás  súas mulleres, tódolos homes son uns posibles asasinos da súa parella, etc Pero neste tema é preciso poñerse serios e procurar non emitir xuízos precipitados e partidistas. Non hai maior seriedade cos feitos. E neste asunto moitos son incontestables e non admiten presunción. A realidade é que onte púxose en 37 a cifra de mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas no que vai de ano no Estado español . A última, Mónica Lorenzo, de 38 anos, foi asasinada en Portela polo seu marido quen terminou por aforcarse. Queremos manifestar dende aquí a nosa absoluta repulsa por este crime e trasladarlle as nosas condolencias á súa familia e amigas/os.

O feito é que as cifras das mulleres asasinadas pola violencia machista vanse mantendo ano tras ano. Ademais, da cifra total de mulleres asasinadas no que vai de ano, menos da metade interpuxeran denuncia. Chegando algunha delas a retirar dita denuncia. E no caso de que estas mulleres solicitaran medidas de protección, está visto que tales medidas foron insuficientes(posto que finalmente acabaron asasinadas).

Estes datos amosan que a violencia machista é unha herdanza do patriarcado da que estamos moi lonxe de desfacernos. Que esta violencia está tan interiorizada na nosa sociedade que as veces somos incapaces de distinguir os síntomas da mesma e moitas máis veces, mulleres e homes, atopamos xustificación para estas condutas. Deberíamos todas e todos pararnos a reflexionar e tratar de discernir cales dos nosos comportamentos e pensamentos son cómplices e consentidores de dita violencia.  Primeiro é preciso localizar o mal para poder combatelo. E, aínda que xa nada podemos facer por estas mulleres, que xa nada poidamos facer por Mónica Lorenzo, polo menos cada unha destas mortes merécese un profundo análise por parte do estado, da sociedade, e de cada unha/un de nos.  

E lembra, se es muller e estás sendo vítima da violencia machista no teu fogra ou no teu entorno, DENUNCIA

E lembra, se es home e coñeces a algunha muller que este sufrindo maltrato por parte doutro home, APÓIAA PARA QUE DENUNCIE




 http://www.eldiario.es/agendapublica/impacto_social/certezas-violencia-genero-Espana_0_295720706.html