martes, 16 de septiembre de 2014

20 DE SETEMBRO: ASEMBLEA NA RÚA DE PODEMOS AROUSA



Dende que creamos o grupo de Feminismos de Podemos Arousa vímonos preguntando o porqué da escasa presenza de mulleres nas asembleas. Semana tras semana vemos como o fluxo de homes non cesa, sen embargo, no caso das mulleres, case sempre somos as mesmas e apenas existe rotación. Polas informacións que temos, este feito repítese na maioría dos círculos, incluíndo tamén a formacións políticas de longo percorrido.  Significa isto que as mulleres continuamos tendo reservas á hora de tomar parte en política? É máis, a participación das mulleres na vida política poida que sexa maiormente unha cuestión de cotas? Con isto non queremos dicir que as cotas estean mal ou non sexan precisas. Pero as cotas, se de base non se sustentan nunha masa de mulleres cas referenda, terminan por converterse nunha serie de rostros que non reflicten a realidade social, ainda máis, poden acabar por amosar unha falsa aparencia de igualdade.  
Sempre nos estamos a preguntar por qué, se o número de mulleres con estudios superiores é maior co de homes, á hora da súa incorporación á vida laboral, e sobre todo do acceso ós postos directivos, a balanza oscila cara o lado contrario. Pode que estes números sexan moito máis representativos cas cotas da suposta igualdade acadada. Que neles si se reflictan as dificultades da conciliación ca vida familiar e a maternidade, a diferenza de ingresos entre mulleres e homes, a herdanza e as trabas cás que as mulleres se atopan a medida que van subindo no organigrama empresarial, e que teñen a súa orixe en séculos de réxime patriarcal...Citamos aquí algúns dos aspectos pero hai moitos máis. Tendo en conta isto, parece claro que o sistema de cotas non está a acadar o resultado agardado(porque este sistema ten como fin último a incorporación e normalización da muller na vida pública) . Por formular un paralelismo, dende as asociacións feministas sempre estamos a dar a lideira(segundo os comentarios en xeral) cá linguaxe inclusiva. Para moita xente este é un tema secundario e puramente formal. Pero se estamos de acordo en que a linguaxe é permeable e, como tal, reflicte a sociedade na que vivimos, por qué descartamos o feito de que ese proceso se produce tamén á inversa e, en certo modo, a nosa sociedade tranfórmase mediante o idioma. Poida que se deixamos de empregar as formas masculinas cando falamos de ambos sexos, se nos acostumamos a dicir persoas en vez de homes (por exemplo), as próximas xeracións deixen de considerar un sexo como preeminente e norma, e o outro sexo como subalterno ou contrario. Ou poida que non, pero o que está claro é que se a linguaxe persiste nesa preponderancia dun xénero sobre outro, xa está poñendo unha traba para que esa transformación se leve a cabo. Se queremos que a política de cotas sexa efectiva ten que ser á súa vez transformadora da sociedade. Ten que haber unha correlación entre as cotas e o pobo. Porque do contrario quédanse simplemente nunha foto de cara á galería, ou nunha medalla na solapa dun partido político.


Agora querémovos trasladar unhas cuestións e que vos paredes un intre a reflexionar sobre elas:

MULLER, qué pensas do FEMINISMO? Tes algún prexuízo cando escoitas esta palabra? O consideras un movemento anti-home, ou, incluso, un movemento anti-muller? 


Cando exerces o teu dereito ó voto, cando abres unha conta nunha entidade bancaria, cando con moito esforzo e orgullo pagas a matrícula da universidade da túa filla, cando asinas o contrato de compra da túa casa, e tantos e tantos xestos que hoxe resultan cotiáns e normais, pensas algunha vez que para que ti chegaras a isto primeiro tivo que xurdir o feminismo?



Despois de tantos anos de tutela das mulleres polos homes, queres que sexa o teu estado o que te tutele? Queres que sexa o estado o que te constrúa, que sexan outros os que constrúan o estado, ou queres participar na construción do estado? Pensa, ¿é este o estado que queres?


Dende o grupo de feminismos de Podemos Arousa convocámosvos o próximo sábado día 20 ás 11 da mañá, data na que terá lugar a nosa primeira asemblea na rúa, no Parque Miguel Hernández de Vilagarcía de Arousa. Gustaríanos vervos alí. Gustaríanos escoitar o que tedes que dicir. Temos unha confianza inmensa en todo o que, como mulleres, podemos acadar. Precisamente porque todavía queda MOITO POR PERCORRER.