miércoles, 19 de noviembre de 2014

25 N: O MAIOR CÓMPLICE DA VIOLENCIA MACHISTA É O SILENCIO




Hai só uns días, atopabámonos ante unha nova polémica entorno a unha campaña de publicidade machista. A os hostaleiros dunha zona de copas de Nerja non se lles ocorreu outra cousa que tratar de combater a baixa afluencia destas épocas previas ó Nadal cunha campaña encabezada co seguinte reclamo: ‘La Noche de las Chicas: tres copas gratis por ser mujer’. Para bastante xente este pode ser un exemplo morno de machismo, ou incluso pode que non atopen síntomas de machismo neste slogan. Ocorre que algunhas condutas e fórmulas machistas están tan estandarizadas na nosa sociedade que soen pasar desapercibidas ata que alguén non chama a atención sobre elas. Nestes casos para parte da poboación ás reaccións dos colectivos e organizacións feministas soen parecer desproporcionadas. Precisamente porque aínda existe unha normalización do machismo en moitos dos seus aspectos que fai que as veces non se detecte a pesar de que o teñamos diante. Se o machismo é a herdanza dunha sociedade patriarcal sustentada nun modelo de relacións inxustas que histórica e culturalmente se impuxeron entre homes e mulleres, calquera conduta ou campaña que contribúa a fomentar estes roles tradicionalmente impostos é reprensible, como parte e actor da cultura do patriarcado. Se imos máis aló, ata a consecuencia máis extrema do machismo que non e outra que a violencia machista, a maioría estaríamos de acordo: contra a violencia machista tolerancia cero. Entón ¿por qué si existe tolerancia con usos e modos que tratan ás mulleres de mercadoría, de cebo, que a “cosifican”, que lle restan a súa identidade de suxeito e a tornan en obxecto? Un obxecto non se pertence a si mesmo, carece de autonomía e liberdade.Cando se condena a unha parte da poboación á posición de obxecto, a outra parte da poboación establécese como suxeito, cos dereitos que de isto se deduce con respecto á parte primeira. A violencia machista non é un acto individual desligado da sociedade, senón unha consecuencia da nosa historia e a nosa cultura. Se a violencia machista fora unha árbore sería unha de raíces ben retortas e profundas, entón ¿cómo imos saber cal desas raíces é a que lle insufla zume á man que toma o coitelo, ou executa o golpe? Por esta razón non existen machismos mornos, nin as protestas das feministas ante campañas como estas son desproporcionadas. Porque o maior cómplice da violencia machista é o silencio. Porque o berro que se eleva cando unha muller morre asasinada é un berro que para a vítima e a súa familia chega demasiado tarde. Porque para que a loita contra a violencia machista sexa efectiva hai que atacar á raíz.  E sobre todo hai que poñerlle voz. Porque, repetimos: O maior cómplice da violencia machista é o silencio. Temos que falar polas que calan. Temos que falar para que as que non denuncian sepan que non están soas, para darlles a forza para denunciar. Para que as que temen a liberdade deixen de temela. Para que as que dubidan por mor de romper a súa familia saiban que a súa dúbida converte ás súas fillas e fillos en vítimas, como elas mesmas. Para que nun futuro as cativas de hoxe non se sintan en inferioridade con respecto ós homes, e os homes non sintan que a sociedade lles esixe e lles destina un chanzo superior. E poidamos mirarmos de iguais a iguais dentro das nosas diferenzas. E sobre todo, cada vez sexan menos os berros que cheguen demasiado tarde.


Sexas nai, pai, fillo, filla, irmán, irmá, amigo, amiga, non o esquezas: o maior cómplice da violencia machista é o silencio.
O próximo 25 de Novembro é o día internacional contra a violencia de xénero. Dende o Grupo de feminismos de Podemos Arousa, coa participación da asociación feminista o Soño de Lilith, querémosvos invitar a dous actos que terán lugar ó largo da vindeira semana. O primeiro celebrarase na Praza de Galicia, ás 20:30 do martes 25 de Novembro, e sempre que a climatoloxía non o impida. O segundo consistirá nunha proxección de dúas curtametraxes e un posterior debate que se levarán a cabo na sala de conferencias do Auditorio de Vilagarcía de Arousa, o xoves 27 de Novembro ás 20:30. Gustaríanos moito contar coa vosa presenza, porque coidamos que é preciso que mulleres e homes nos unamos para dar voz a todas esas mulleres e familias silenciadas.                                       

Deixámosvos a páxina das compañeiras de O Soño de Lilith para aquelas persoas que queirades máis información http://osonhodelilith.wix.com/osonhodelilith