lunes, 4 de agosto de 2014

AS MULLERES INVISIBLES



Todas e todos escoitamos algunha vez aquilo de “detrás de cada gran home hai unha gran muller”. Este dito, no que algúns poden ver unha alabanza da muller, en realidade non é tal alabanza, pois o que se está a agasallar con estas palabras é a súa posición gregaria con respecto ao home. A sociedade patriarcal non é contraria ou enimiga da muller, sempre que a muller limite a súa existencia a esa posición de gregarismo. Indo máis lonxe: a posición gregaria da muller é un dos alicerces da sociedade patriarcal, así coma as clases privilexiadas establécense sobre os lombos das clases obreiras. Por iso non é de estrañar que existan ditos aduladores coma este no que ese dobre fío inherente a toda adulación pode pasar desapercibido. En relación a este tema resulta especialmente reveladora a lectura de “Os feitos e os mitos” un dos libros que compoñen “O segundo sexo” de Simone de Beauvior onde se expón o modo no que a exaltación da figura feminina, ou  máis ben, a exaltación dos atributos tradicionalmente femininos(a través da poesía, a pintura, ou o arte en xeral) contribúe ao sometemento da muller. Pero estoume a desviar do que quería expoñer….Retomemos: O gregarismo non é de por sí unha conducta negativa. O que fai negativa esa situación gregarismo da muller é o seu carácter de imposición. Ésta relega á muller a unha categoría de sombra do home, e en moitos caso a volve invisible. Mulleres con grandes capacidades que pasarán desapercibidas debido a esta situación de gregarismo e subordinación ao home, e  que en moitos dos casos non poderán chegar a desenvolvelas. Feito polo cal non só perde a muller, senón toda a sociedade. 

Vou poñer un exemplo:

Entre os grandes poetas estadounidenses sobresae con luz propia unha muller: Emily Dickinson. Emily Dickinson permaneceu a totalidade da súa vida na casa familiar, en gran parte recluída na súa habitación. Non casou, non tivo fillos, e como a familia gozaba dunha posición acomodada non padeceu a escravitude das tarefas domésticas, contrariamente á maioría das mulleres da súa época. Debido á súa extremada timidez, durante a súa vida só saíron á luz cinco dos seus poemas (tres deles sen firmar co seu nome, e outro sen o seu consentimento). ¿Cal foi o motivo de que unha  moza anónima e tímida, pertencente a unha familia de estrita moral protestante e que viviu no século XIX se convertera nunha das máis grandes figuras da poesía estadounidense de tódolos tempos? Supoño que moitas son as causas e delas teranse ocupado as estudosas/os desta gran poeta , pero habería que chamar a atención ao feito de que polas circunstancias da súa vida Emily Dickinson gozou do que a outra gran escritora como foi Virginia Woolf se lle deu por chamar “Unha habitación propia”(lectura altamente recomendable), cousa que se lles negaba á maioría das súas contemporáneas. De todos modos non deixa de chamar a atención o feito de que a soidade poda parecer no caso de Emily Dickinson o principal modo de garantir a súa autonomía. Porque é difícil de crer que unha Emily Dickinson casada, cunha familia que coidar, un marido, e o día ocupado no desempeño das tarefas domésticas(que naquela época resultaban unha pesadísima carga), puidese ter escrito tan fermosa e singular obra. En xeral (aínda que esta sexa unha opinión persoal) á xente que acostuma a ler poesía unha vez se achega á obra de Emily Dickinson cústalle concibir a poesía sen a figura desta muller.  En calquera caso ¿qué é o que fai de Emily Dickinson unha poeta cunha sensibilidade e profundidade tan especial como a que se aprecian nos seus poemas? Esta é outra cuestión que tamén afrontarán as estudosas/os da súa obra, só salientar un único aspecto irrefutable: Emily Dickinson era muller.

Un home(do cal non recordo o nome) lamentouse unha vez de tódolos xenios que se tería perdido a humanidade polo feito de que naceran muller. Evidentemente referíase ao modo en que se verían reducidas as cualidades de calquera persoa( home ou muller) ao verse limitada/o á circunstancia feminina.  A pesar disto moitas son as mulleres que conseguiron evolucionar máis aló das dificultades inherentes a esta situación, aínda que na maior parte dos casos traballaron na escuridade e no anonimato. Unhas poucas si que deixaron o seu nome impreso na historia, sen embargo non se lles soe dar o mesmo papel preeminente ca os homes. Contra a historia pouco se pode facer, pero quizais si se poida contribuír a darlle un pequeno espazo, un rostro, un nome a algunha desas mulleres anónimas e invisibles para a sociedade. E lembrar que, coma no caso de Emily Dickinson, a incorporación, normalización, e un maior protagonismo da muller e da súa singularidade en calquera campo só poden contribuir ao enriquecemento do mesmo.

O compañeiro Pablo pasounos uns enlaces que falan de mulleres científicas e das contribucións que fixeron na súa especialidade. Para comezar deixámosvos un cunha lista das 10 mulleres científicas máis importantes da historia elaborada por Fernando Pino. Coma en todas as listas faltarán nomes, pero non deixa de ser un bo síntoma que ao facer este tipo de listas o autor se atope con dificultades e os lectores se den conta das ausencias. Agardamos ir sumando rostros neste espazo de agora en diante. Se calquera de vos ten coñecemento dalgunha muller que cre que debería estar aquí podedes enviarnos un correo coa información á nosa dirección feminismospodemosarousa@gmail.com, e a subiríamos ao blog citando os vosos nomes e as fontes. Graciñas a todas/os pola vosa colaboración e tempo.      


lunes, 21 de julio de 2014

FOTOGRAFÍAS DA PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL "YO DECIDO. EL TREN DE LA LIBERTAD"

Xa podedes ver as fotografías da proxección do documental "Yo decido. El tren de la libertad". Dende Podemos Arousa queremos agradecervos a vosa asistencia, e para todos aqueles que non puidéchedes estar con nos o pasado venres recomendámosvos o visionado e a difusión do documental que xa está colgado na rede. Podedes acceder premendo no seguinte enlace:





Tamén unha vez máis dende Podemos Arousa queremos agradecerlle a CIMA e a todas/os os participantes no documental a oportunidade que nos deron con esta proxección.


Premendo no seguinte enlace podedes ver tódalas fotografías do evento:


















miércoles, 16 de julio de 2014

PROXECCIÓN EN VILAGARCÍA DE "YO DECIDO. EL TREN DE LA LIBERTAD"


Dende o grupo de Feminismos de Podemos Arousa estamos moi satisfeitas/os de que o noso primeiro acto sexa a proxección do documental  “YO DECIDO. EL TREN DE LA LIBERTAD”.  O feito de que as xentes deste país teñamos que volver a loitar polo mesmo que xa outras/os loitaron por nos fai máis de trinta anos, pon de manifesto o retroceso que dende os órganos do poder queren impoñerlle á nosa sociedade. Mais a muller non se presta a ser a mercadoría coa que o partido gobernante lle pague o apoio ao seu máis poderoso socio político: A Igrexa.  Porque o noso corpo non é un delito e as decisións que cada muller tome con relación ao seu corpo só competen ao seu ámbito privado. Porque é unha falacia moral que se trate de lexislar o privado e sen embargo se desampare ás persoas nos temas que si corresponderían ao ámbito público. Pois ao noso pesar, vivimos nun estado que desampara ás persoas que sofren unha situación de dependencia deixándolle a responsabilidade do seu benestar aos membros da súa familia, tamén se desampara ás desempregadas/os que teñen que buscar unha oportunidade de vida en soidade, ás mozas /os que se ven na obriga de emigrar para acadar un futuro, a tantas persoas que non poden defender o seu dereito a ter un fogar fronte aos intereses das entidades bancarias, aos preferentistas, aos obreiros que ven minguado o seu poder adquisitivo e a súa vez teñen que traballar moitas máis horas e co coitelo do despido sempre sobre a seu pescozo. Un país que desampara a eses 2.306.000 nenas/os que segundo cifras de Unicef viven baixo o limiar da pobreza, caendo na terrible ironía de que as vidas dos nenos pouco importan unha vez nados. E agora semella que toca deixar ás mulleres en situación de desamparo roubándolles a súa capacidade de decidir con tódalas implicacións que isto pode ter. Porque nun país no que se levaron a cabo grandes recortes no presuposto de educación, no que se suprimiu a materia “educación para a cidadanía”, no que a educación sexual parece estar ausente, no que a imaxe que se ofrece da muller é cada vez máis sexista na publicidade e nos medios de comunicación, nun país como este é bastante improbable que os embarazos non desexados diminúan coas consecuencias que este feito implica. Pois se a isto lle sumamos os efectos da lei que se pretende aprobar, o panorama da muller en particular e a sociedade en xeral é bastante negro. Como dicíamos este é un país no que se está deixando en mans dos cidadáns/as responsabilidades que lles competen aos órganos de goberno. Son as persoas da rúa as que desde diversas plataformas e iniciativas tratan de combater as inxustizas. Son tamén estas as que, sen lles importar as consecuencias, poñen o ben doutros por enriba do propio tratando de evitar o desaloxo dunha vivenda. Como tamén dende o voluntariado ou a doazón aos bancos de alimentos e diversas  asociacións son as xentes da rúa as que lle procuran comida quente a aqueles que pola súa situación particular non a poderían obter. E así o goberno desenténdese do pobo, deixando en mans do pobo os problemas reais. Pero isto é un arma de dobre fío, pois semella que parte do pobo comeza a concienciarse da crítica situación na que o goberno o deixa e, o que é realemente importante, tamén se está a decatar da súa capacidade de reverter esta situación. Porque non se trata de levar a cabo grandes xestas individualmente. Quizais só se trata de que cada un tome conciencia da responsabilidade que ten cos seus semellantes e da súa capacidade de combater. Non en van a vida é unha constante loita. E tal vez dese modo xuntos/as poidamos un día acadar un goberno que teña como máis grande prioridade amparar ao seu pobo. Por estas e outras razóns invitámosvos a que o próximo venres 18 ás 20:00 horas acudades ao Auditorio de Vilagarcía (sala de conferencias) e asistades á proxección de “YO DECIDO. EL TREN DE LA LIBERTAD”. Aproveitamos dende aquí para agradecer a todas aquelas persoas que levaron a cabo este proxecto, aos responsables da distribución da película e á asociación Cima a oportunidade que lle brindan a Podemos Arousa de contribuír na difusión do mesmo.