miércoles, 11 de marzo de 2015

Doli doli doli...coas conserveiras

Un documental de Uqui Permui


Doli, doli, doli…coas conserveiras, amósanos o acontecido na Illa de Arousa cando no ano 1989 preto de cen mulleres -catro delas en folga de fame- pecháronse na fábrica de Odosa para protestar polo peche inminente da conserveira. O documental intercala imaxes daqueles días xunto a outras das súas protagonistas na actualidade. Hoxe, cando aínda temos recente a loita dos traballadores de Lantero, non está de máis lembrar outros conflitos laborais, neste caso coa muller como protagonista. No documental fálasenos do traballo destas mulleres na conserveira e a relación entre elas. Un traballo socialmente considerado como complemento ao salario do marido, pero que moitas veces acaba sendo o único sustento dunha familia. Mulleres obreiras, mulleres loitadoras, mulleres de mar, mulleres galegas....que relegadas pola sociedade ao papel de consortes acaban sendo protagonistas obrigadas pola vida. Algo cotiá no país das viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos. Por iso, despois de que a semana pasada Podemos comezara presentando o seu documento, “Reorganizar la economía de cuidados”, un punto de partida para un programa económico que teña ás mulleres de protagonistas. E logo do punto álxido que supuxo a manifestación unitaria do domingo en Compostela, Podemos Arousa dedica estes días á muller galega, rematando o xoves 12 de Marzo coa proxección do documental Doli,doli,doli...coas conserveiras, no auditorio de Vilagarcía ás 20:00 horas e coa teima de que nun futuro próximo o protagonismo da muller galega non teña que ser unha consecuencia das súas circunstancias senón que sexa o protagonismo que ela escolla.
#GaliciaOMatriarcadoSilencioso

viernes, 6 de marzo de 2015

#EsAhoraYConNosotras


Actos arredor do 08 de Marzo nos que intervirá Podemos Arousa



Fai uns meses lin un artigo sobre a linguaxe inclusiva no que facían unha comparativa do emprego de pronomes neutros nalgúns países contra a maior diferenciación entre pronomes e substantivos segundo o xénero noutros, e o relacionaban coa desigualdade e a brecha salarial entre xéneros. Dábase o feito de que en países con menor desigualdade o emprego dos pronomes neutros evidenciábase máis normalizado, e nos países nos que a desigualdade é máis palpable non semellaba que fora habitual o emprego de substantivos e pronomes neutros. Precisamente esta semana atopei o seguinte texto nas redes, escrito pola escritora e pensadora feminista francesa Monique Wittig(1935-2003), e que me pareceu moi interesante:

"Destruir a las categorí­as de sexo en política y en filosofí­a, destruir al género en el lenguaje (al menos modificar su uso) es parte de mi obra como escritora. Una parte importante, puesto que no puede ocurrir una modificación tan central sin una transformación del lenguaje como un todo. (…) El verdadero punto en cuestión es un cambio estructural en el lenguaje, en sus nervios, en su enfoque. Pero no es posible efectuar cambios en el lenguaje sin hacer cambios paralelos en filosofía, en política y en economía, porque como las mujeres están marcadas en el lenguaje por el género, están marcadas en la sociedad como sexo. Los pronombres personales dirigen el género a través del lenguaje, y los pronombres personales son el tema principal de cada uno de mis libros, con excepción de Lesbian Peoples: Material for a Dictionary, escrito con Sande Zeig. Son los motores para los que hay que diseñar partes funcionales, y como tales crean la necesidad de la forma."

Ambos textos establecen unha correlación entre linguaxe e igualdade pero o segundo xa vai máis alá facendo fincapé en que para que se produza un cambio real, para acadar por fin esa sociedade igualitaria, ten que darse primeiro un cambio coordinado. Probablemente o primeiro paso a dar-porque precisamente é un cambio que se pode articular lexislando-, é o de acadar a igualdade en materia económica e laboral. Precisamente lembro que no primeiro artigo falábase tamén da brecha salarial, para a que existen diferentes teorías que agora non vou a expoñer. Pero o que me chamou a atención é o feito de que a xente que xustifica esa brecha salarial o fai dende a perspectiva de que o obxectivo final da mesma é precisamente a normalización da incorporación da muller ao mercado de traballo.  Persoalmente coido que se falamos de igualdade resulta bastante incoherente tratar de acadala discriminando precisamente á parte da poboación que é víctima desa posición de desigualdade. Por isto, por cousas como esta é que a presentación o luns do documento de Podemos,“Reorganizar la economía de cuidados”, supón un sopro de aire fresco. Porque en definitiva trátase dunha proposta que pretende chegar a igualdade a través de políticas igualitarias, algo que por outro lado é de sentido común. Equiparación de permisos de maternidade/paternidade, corresponsabilidade dentro da unidade familiar, equiparar os dereitos das empregadas do fogar ao resto de traballadores/as, eliminación dos incentivos á contratación temporal -tipo de contratos máis acusados nas mulleres- e reducción da xornada laborala 35 horas semanasis para todas e todos -favorecendo así a conciliación-, son só algúns dos exemplos das medidas das que fala dito documento. Unha que me parece especialmente interesante é a eliminación da figura do coidador/a no entorno familiar para pasar a profesionalizar dita figura. O compañeiro José María Villaverde, quen pasa gran parte do ano en Dinamarca, fala a miúdo do modelo Danés. Neste modelo-segundo palabras de José María- a carga non se traslada ás familias como sucede en España, senón que é algo que lle compete ao estado. Ocorre tamén que cando falamos de familia en España realmente estamos a falar das mulleres, así que a carga en España trasládase maioritariamente a estas. E mentres este modelo continúe articulando a nosa sociedade a igualdade é unha meta que queda demasiado lonxe. O novo documento económico de Podemos pode ser un primeiro paso nese cambio de modelo. Logo quedaría a ardua tarefa de andar o camiño, pero é importante que nos decatemos de que o camiño é precisamente ese. Así que esta semana como muller síntome especialmente orgullosa de formar parte de Podemos, porque estou segura de que xuntas e xuntos podemos #RecuperarLaEconomía #EsAhoraYConNosotras

miércoles, 19 de noviembre de 2014

25 N: O MAIOR CÓMPLICE DA VIOLENCIA MACHISTA É O SILENCIO




Hai só uns días, atopabámonos ante unha nova polémica entorno a unha campaña de publicidade machista. A os hostaleiros dunha zona de copas de Nerja non se lles ocorreu outra cousa que tratar de combater a baixa afluencia destas épocas previas ó Nadal cunha campaña encabezada co seguinte reclamo: ‘La Noche de las Chicas: tres copas gratis por ser mujer’. Para bastante xente este pode ser un exemplo morno de machismo, ou incluso pode que non atopen síntomas de machismo neste slogan. Ocorre que algunhas condutas e fórmulas machistas están tan estandarizadas na nosa sociedade que soen pasar desapercibidas ata que alguén non chama a atención sobre elas. Nestes casos para parte da poboación ás reaccións dos colectivos e organizacións feministas soen parecer desproporcionadas. Precisamente porque aínda existe unha normalización do machismo en moitos dos seus aspectos que fai que as veces non se detecte a pesar de que o teñamos diante. Se o machismo é a herdanza dunha sociedade patriarcal sustentada nun modelo de relacións inxustas que histórica e culturalmente se impuxeron entre homes e mulleres, calquera conduta ou campaña que contribúa a fomentar estes roles tradicionalmente impostos é reprensible, como parte e actor da cultura do patriarcado. Se imos máis aló, ata a consecuencia máis extrema do machismo que non e outra que a violencia machista, a maioría estaríamos de acordo: contra a violencia machista tolerancia cero. Entón ¿por qué si existe tolerancia con usos e modos que tratan ás mulleres de mercadoría, de cebo, que a “cosifican”, que lle restan a súa identidade de suxeito e a tornan en obxecto? Un obxecto non se pertence a si mesmo, carece de autonomía e liberdade.Cando se condena a unha parte da poboación á posición de obxecto, a outra parte da poboación establécese como suxeito, cos dereitos que de isto se deduce con respecto á parte primeira. A violencia machista non é un acto individual desligado da sociedade, senón unha consecuencia da nosa historia e a nosa cultura. Se a violencia machista fora unha árbore sería unha de raíces ben retortas e profundas, entón ¿cómo imos saber cal desas raíces é a que lle insufla zume á man que toma o coitelo, ou executa o golpe? Por esta razón non existen machismos mornos, nin as protestas das feministas ante campañas como estas son desproporcionadas. Porque o maior cómplice da violencia machista é o silencio. Porque o berro que se eleva cando unha muller morre asasinada é un berro que para a vítima e a súa familia chega demasiado tarde. Porque para que a loita contra a violencia machista sexa efectiva hai que atacar á raíz.  E sobre todo hai que poñerlle voz. Porque, repetimos: O maior cómplice da violencia machista é o silencio. Temos que falar polas que calan. Temos que falar para que as que non denuncian sepan que non están soas, para darlles a forza para denunciar. Para que as que temen a liberdade deixen de temela. Para que as que dubidan por mor de romper a súa familia saiban que a súa dúbida converte ás súas fillas e fillos en vítimas, como elas mesmas. Para que nun futuro as cativas de hoxe non se sintan en inferioridade con respecto ós homes, e os homes non sintan que a sociedade lles esixe e lles destina un chanzo superior. E poidamos mirarmos de iguais a iguais dentro das nosas diferenzas. E sobre todo, cada vez sexan menos os berros que cheguen demasiado tarde.


Sexas nai, pai, fillo, filla, irmán, irmá, amigo, amiga, non o esquezas: o maior cómplice da violencia machista é o silencio.
O próximo 25 de Novembro é o día internacional contra a violencia de xénero. Dende o Grupo de feminismos de Podemos Arousa, coa participación da asociación feminista o Soño de Lilith, querémosvos invitar a dous actos que terán lugar ó largo da vindeira semana. O primeiro celebrarase na Praza de Galicia, ás 20:30 do martes 25 de Novembro, e sempre que a climatoloxía non o impida. O segundo consistirá nunha proxección de dúas curtametraxes e un posterior debate que se levarán a cabo na sala de conferencias do Auditorio de Vilagarcía de Arousa, o xoves 27 de Novembro ás 20:30. Gustaríanos moito contar coa vosa presenza, porque coidamos que é preciso que mulleres e homes nos unamos para dar voz a todas esas mulleres e familias silenciadas.                                       

Deixámosvos a páxina das compañeiras de O Soño de Lilith para aquelas persoas que queirades máis información http://osonhodelilith.wix.com/osonhodelilith


martes, 16 de septiembre de 2014

20 DE SETEMBRO: ASEMBLEA NA RÚA DE PODEMOS AROUSA



Dende que creamos o grupo de Feminismos de Podemos Arousa vímonos preguntando o porqué da escasa presenza de mulleres nas asembleas. Semana tras semana vemos como o fluxo de homes non cesa, sen embargo, no caso das mulleres, case sempre somos as mesmas e apenas existe rotación. Polas informacións que temos, este feito repítese na maioría dos círculos, incluíndo tamén a formacións políticas de longo percorrido.  Significa isto que as mulleres continuamos tendo reservas á hora de tomar parte en política? É máis, a participación das mulleres na vida política poida que sexa maiormente unha cuestión de cotas? Con isto non queremos dicir que as cotas estean mal ou non sexan precisas. Pero as cotas, se de base non se sustentan nunha masa de mulleres cas referenda, terminan por converterse nunha serie de rostros que non reflicten a realidade social, ainda máis, poden acabar por amosar unha falsa aparencia de igualdade.  
Sempre nos estamos a preguntar por qué, se o número de mulleres con estudios superiores é maior co de homes, á hora da súa incorporación á vida laboral, e sobre todo do acceso ós postos directivos, a balanza oscila cara o lado contrario. Pode que estes números sexan moito máis representativos cas cotas da “ suposta igualdade” acadada. Que neles si se reflictan as dificultades da conciliación ca vida familiar e a maternidade, a diferenza de ingresos entre mulleres e homes, a herdanza e as trabas cás que as mulleres se atopan a medida que van subindo no organigrama empresarial, e que teñen a súa orixe en séculos de réxime patriarcal...Citamos aquí algúns dos aspectos pero hai moitos máis. Tendo en conta isto, parece claro que o sistema de cotas non está a acadar o resultado agardado(porque este sistema ten como fin último a incorporación e normalización da muller na vida pública) . Por formular un paralelismo, dende as asociacións feministas sempre estamos a dar a lideira(segundo os comentarios en xeral) cá linguaxe inclusiva. Para moita xente este é un tema secundario e puramente formal. Pero se estamos de acordo en que a linguaxe é permeable e, como tal, reflicte a sociedade na que vivimos, por qué descartamos o feito de que ese proceso se produce tamén á inversa e, en certo modo, a nosa sociedade tranfórmase mediante o idioma. Poida que se deixamos de empregar as formas masculinas cando falamos de ambos sexos, se nos acostumamos a dicir “persoas” en vez de “homes” (por exemplo), as próximas xeracións deixen de considerar un sexo como preeminente e norma, e o outro sexo como subalterno ou contrario. Ou poida que non, pero o que está claro é que se a linguaxe persiste nesa preponderancia dun xénero sobre outro, xa está poñendo unha traba para que esa transformación se leve a cabo. Se queremos que a política de cotas sexa efectiva ten que ser á súa vez transformadora da sociedade. Ten que haber unha correlación entre as cotas e o pobo. Porque do contrario quédanse simplemente nunha foto de cara á galería, ou nunha medalla na solapa dun partido político.


Agora querémovos trasladar unhas cuestións e que vos paredes un intre a reflexionar sobre elas:

MULLER, qué pensas do FEMINISMO? Tes algún prexuízo cando escoitas esta palabra? O consideras un movemento anti-home, ou, incluso, un movemento anti-muller? 


Cando exerces o teu dereito ó voto, cando abres unha conta nunha entidade bancaria, cando con moito esforzo e orgullo pagas a matrícula da universidade da túa filla, cando asinas o contrato de compra da túa casa, e tantos e tantos xestos que hoxe resultan cotiáns e normais, pensas algunha vez que para que ti chegaras a isto primeiro tivo que xurdir o feminismo?



Despois de tantos anos de tutela das mulleres polos homes, queres que sexa o teu estado o que te tutele? Queres que sexa o estado o que te constrúa, que sexan outros os que constrúan o estado, ou queres participar na construción do estado? Pensa, ¿é este o estado que queres?


Dende o grupo de feminismos de Podemos Arousa convocámosvos o próximo sábado día 20 ás 11 da mañá, data na que terá lugar a nosa primeira asemblea na rúa, no Parque Miguel Hernández de Vilagarcía de Arousa. Gustaríanos vervos alí. Gustaríanos escoitar o que tedes que dicir. Temos unha confianza inmensa en todo o que, como mulleres, podemos acadar. Precisamente porque todavía queda MOITO POR PERCORRER.