miércoles, 11 de marzo de 2015

Doli doli doli...coas conserveiras

Un documental de Uqui Permui


Doli, doli, doli…coas conserveiras, amósanos o acontecido na Illa de Arousa cando no ano 1989 preto de cen mulleres -catro delas en folga de fame- pecháronse na fábrica de Odosa para protestar polo peche inminente da conserveira. O documental intercala imaxes daqueles días xunto a outras das súas protagonistas na actualidade. Hoxe, cando aínda temos recente a loita dos traballadores de Lantero, non está de máis lembrar outros conflitos laborais, neste caso coa muller como protagonista. No documental fálasenos do traballo destas mulleres na conserveira e a relación entre elas. Un traballo socialmente considerado como complemento ao salario do marido, pero que moitas veces acaba sendo o único sustento dunha familia. Mulleres obreiras, mulleres loitadoras, mulleres de mar, mulleres galegas....que relegadas pola sociedade ao papel de consortes acaban sendo protagonistas obrigadas pola vida. Algo cotiá no país das viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos. Por iso, despois de que a semana pasada Podemos comezara presentando o seu documento, “Reorganizar la economía de cuidados”, un punto de partida para un programa económico que teña ás mulleres de protagonistas. E logo do punto álxido que supuxo a manifestación unitaria do domingo en Compostela, Podemos Arousa dedica estes días á muller galega, rematando o xoves 12 de Marzo coa proxección do documental Doli,doli,doli...coas conserveiras, no auditorio de Vilagarcía ás 20:00 horas e coa teima de que nun futuro próximo o protagonismo da muller galega non teña que ser unha consecuencia das súas circunstancias senón que sexa o protagonismo que ela escolla.
#GaliciaOMatriarcadoSilencioso

No hay comentarios:

Publicar un comentario