lunes, 4 de agosto de 2014

AS MULLERES INVISIBLES



Todas e todos escoitamos algunha vez aquilo de “detrás de cada gran home hai unha gran muller”. Este dito, no que algúns poden ver unha alabanza da muller, en realidade non é tal alabanza, pois o que se está a agasallar con estas palabras é a súa posición gregaria con respecto ao home. A sociedade patriarcal non é contraria ou enimiga da muller, sempre que a muller limite a súa existencia a esa posición de gregarismo. Indo máis lonxe: a posición gregaria da muller é un dos alicerces da sociedade patriarcal, así coma as clases privilexiadas establécense sobre os lombos das clases obreiras. Por iso non é de estrañar que existan ditos aduladores coma este no que ese dobre fío inherente a toda adulación pode pasar desapercibido. En relación a este tema resulta especialmente reveladora a lectura de “Os feitos e os mitos” un dos libros que compoñen “O segundo sexo” de Simone de Beauvior onde se expón o modo no que a exaltación da figura feminina, ou  máis ben, a exaltación dos atributos tradicionalmente femininos(a través da poesía, a pintura, ou o arte en xeral) contribúe ao sometemento da muller. Pero estoume a desviar do que quería expoñer….Retomemos: O gregarismo non é de por sí unha conducta negativa. O que fai negativa esa situación gregarismo da muller é o seu carácter de imposición. Ésta relega á muller a unha categoría de sombra do home, e en moitos caso a volve invisible. Mulleres con grandes capacidades que pasarán desapercibidas debido a esta situación de gregarismo e subordinación ao home, e  que en moitos dos casos non poderán chegar a desenvolvelas. Feito polo cal non só perde a muller, senón toda a sociedade. 

Vou poñer un exemplo:

Entre os grandes poetas estadounidenses sobresae con luz propia unha muller: Emily Dickinson. Emily Dickinson permaneceu a totalidade da súa vida na casa familiar, en gran parte recluída na súa habitación. Non casou, non tivo fillos, e como a familia gozaba dunha posición acomodada non padeceu a escravitude das tarefas domésticas, contrariamente á maioría das mulleres da súa época. Debido á súa extremada timidez, durante a súa vida só saíron á luz cinco dos seus poemas (tres deles sen firmar co seu nome, e outro sen o seu consentimento). ¿Cal foi o motivo de que unha  moza anónima e tímida, pertencente a unha familia de estrita moral protestante e que viviu no século XIX se convertera nunha das máis grandes figuras da poesía estadounidense de tódolos tempos? Supoño que moitas son as causas e delas teranse ocupado as estudosas/os desta gran poeta , pero habería que chamar a atención ao feito de que polas circunstancias da súa vida Emily Dickinson gozou do que a outra gran escritora como foi Virginia Woolf se lle deu por chamar “Unha habitación propia”(lectura altamente recomendable), cousa que se lles negaba á maioría das súas contemporáneas. De todos modos non deixa de chamar a atención o feito de que a soidade poda parecer no caso de Emily Dickinson o principal modo de garantir a súa autonomía. Porque é difícil de crer que unha Emily Dickinson casada, cunha familia que coidar, un marido, e o día ocupado no desempeño das tarefas domésticas(que naquela época resultaban unha pesadísima carga), puidese ter escrito tan fermosa e singular obra. En xeral (aínda que esta sexa unha opinión persoal) á xente que acostuma a ler poesía unha vez se achega á obra de Emily Dickinson cústalle concibir a poesía sen a figura desta muller.  En calquera caso ¿qué é o que fai de Emily Dickinson unha poeta cunha sensibilidade e profundidade tan especial como a que se aprecian nos seus poemas? Esta é outra cuestión que tamén afrontarán as estudosas/os da súa obra, só salientar un único aspecto irrefutable: Emily Dickinson era muller.

Un home(do cal non recordo o nome) lamentouse unha vez de tódolos xenios que se tería perdido a humanidade polo feito de que naceran muller. Evidentemente referíase ao modo en que se verían reducidas as cualidades de calquera persoa( home ou muller) ao verse limitada/o á circunstancia feminina.  A pesar disto moitas son as mulleres que conseguiron evolucionar máis aló das dificultades inherentes a esta situación, aínda que na maior parte dos casos traballaron na escuridade e no anonimato. Unhas poucas si que deixaron o seu nome impreso na historia, sen embargo non se lles soe dar o mesmo papel preeminente ca os homes. Contra a historia pouco se pode facer, pero quizais si se poida contribuír a darlle un pequeno espazo, un rostro, un nome a algunha desas mulleres anónimas e invisibles para a sociedade. E lembrar que, coma no caso de Emily Dickinson, a incorporación, normalización, e un maior protagonismo da muller e da súa singularidade en calquera campo só poden contribuir ao enriquecemento do mesmo.

O compañeiro Pablo pasounos uns enlaces que falan de mulleres científicas e das contribucións que fixeron na súa especialidade. Para comezar deixámosvos un cunha lista das 10 mulleres científicas máis importantes da historia elaborada por Fernando Pino. Coma en todas as listas faltarán nomes, pero non deixa de ser un bo síntoma que ao facer este tipo de listas o autor se atope con dificultades e os lectores se den conta das ausencias. Agardamos ir sumando rostros neste espazo de agora en diante. Se calquera de vos ten coñecemento dalgunha muller que cre que debería estar aquí podedes enviarnos un correo coa información á nosa dirección feminismospodemosarousa@gmail.com, e a subiríamos ao blog citando os vosos nomes e as fontes. Graciñas a todas/os pola vosa colaboración e tempo.      


No hay comentarios:

Publicar un comentario